Nun acto presidido polo Vicepresidente da Xunta de Galicia e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda na Escola Galega de Administración pública (EGAP), o 25 de novembro de 2016 foi o día elixido por todos/as os letrados da xunta de Galicia, para celebrar tan merecida homenaxe. Ademais neste dia de celebración, a Asociación profesional de letrados da xunta, coa colaboración da AMTEGA, a Dirección Xeral da Asesoría Xurídica, a Secretaria xeral de Política Lingüística e a EGAP como editora, presentou o libro da nova Lei 39/2015 de 2 de outubro de procedemento administrativo común comentada polos letrados da Xunta de Galicia. O libro que hoxe se presenta oficialmente ten como propósito servir de ferramenta práctica para todos os empregados públicos e para os demais operadores xurídicos que no seu día a dia teñen que mergullarse na esfera do dereito administrativo, relevancia práctica que se reforza cos novos retos que se presentan neste eido coa implantación decidida da Administración electrónica para que sexa unha realidade unha administración con papel cero no ano 2018.

Este ano 2016 é certamente especial para os letrados da Xunta de Galicia. Xa choveu, e mais en Galicia, dende que hai vinte cinco anos se crease no seo dunha recente Administración Autonómica Galega a escala de letrados da Xunta de Galicia.Cúmprense as vodas de Prata da creación da escala de letrados en virtude do artigo 16 da Lei 15/1991. E, en segundo lugar, cúmprense 20 desde o primeiro ingreso de membros por oposición libre.

No momento actual, preséntanse novos retos que pasan, que en palabras da Presidenta da Asociación profesional, Patricia Iglesias Rey pasan “recoñecer e poñer en valor a importancia das funcións exclusivas que teñen encomendadas os letrados coa dobre función de asesoramento xurídico da Administración autonómica e a defensa en xuízo dela en tódolos ordenes xurisdicionais”. Esta dobre función ten como finalidade asegurar o sometemento da actuación administrativa á legalidade e a defensa dos intereses da propia Comunidade Autónoma, o que redunda en favor da cidadanía, que é a destinataria da súa actividade. Por iso é polo que cómpre arbitrar os medios de defensa dos dereitos da Administración, co fin de que o interese público que representa e que preside a súa actuación resulte garantido e respectado.

A Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia atópase actualmente regulada pola Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público. Tamén a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, recolle, na súa disposición adicional oitava, que a asistencia xurídica á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, aos seus organismos autónomos e aos órganos estatutarios, salvo, respecto destes últimos, que as súas normas reguladoras establezan o contrario, lle corresponde ao persoal funcionario integrante da escala de letrados da Xunta de Galicia.

A regulación pretende acadar a extensión da asistencia xurídica, a través da Asesoría Xurídica Xeral, a todas as entidades do sector público autonómico, en garantía do funcionamento regular e coordinado deste. En particular, disponse que cando a asistencia xurídica ás entidades do sector público non a preste a Asesoría Xurídica Xeral ou as asesorías xurídicas dependentes dela, os servizos xurídicos que a desenvolvan deberán respectar as directrices e criterios de interpretación emanados desta. Así mesmo, en liña cos obxectivos de autoprovisión dentro do sector público da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, regúlanse os requisitos para acudir a contratos de asistencia xurídica con medios externos e indícase que só poderá acudirse á contratación externa cando a aludida autoprovisión non resulte viable, garantindo que a Asesoría Xurídica Xeral poida, se resulta posible, asumir ela a prestación. .

Pola outra banda, é loable destacar que o respecto ás funcións exclusivas dos letrados/as da Xunta, é unha garantía dun servizo público de calidade, a de asesoramento xurídico, que pasa reforzar a súa profesionalización, as súas condicións profesionais e por potenciar a independencia no control de legalidade que exercen os letrados da Xunta sobre todo o sector público autonómico.

O ingreso na escala de letrados da Xunta de Galicia efectuase de acordo cun sistema de oposición libre, certamente duro cun esixente sistema de preparación comparable a o outras oposicións como avogacía do estado, xudicaturas ou avogados doutas CCAA. As probas selectivas de ingreso, que constan de cinco exames, dous orais, dous prácticos e un de idioma comunitario, baséanse nun temario composto por mais de tres centos sesenta e cinco temas que esixirá coñecemento de todas as ramas do dereito que reforzan a formación e especialización do colectivo de letrados/as da Xunta.

O paso do tempo, xa vinte cinco anos, fixo que de facto as funcións dos letrados /as públicos converteran a este colectivo nun corpo con máis de sesenta profesionais que son xenuínos especialistas no eido do dereito publico, ao asumir a labor consultiva e a defensa en xuízo de todo o sector publico que ten gran relevancia cualitativa e cuantitativamente en termos comparativos con calquera despacho de avogados que operen no territorio galego.