O artigo 16 da Lei 15/1991, do 28 de decembro, procedeu á creación, dentro do corpo superior da Administración, da escala de letrados da Xunta de Galicia. Na actualidade, o réxime xurídico dos letrados e letradas da Xunta de Galicia está recollido na Lei 4/2016, 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, e no Regulamento da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, aprobado mediante Decreto 343/2003, do 11 de xullo.

A denominación que lles corresponde en exclusiva aos/ás letrados/as será a de letrado ou letrada da Xunta de Galicia, e non poderá ser utilizada tal denominación ou outra que induza a confusión por ningún outro persoal dependente da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou do seu sector público.

A Orde de 20 de novembro de 2001, pola que se establece o deseño e características da placa da escala de letrados da Xunta de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 247, do 24 de decembro de 2001), será a encargada de oficializar o lema da escala:

In consulendo liber, in contendendo acer.