A función de asistencia xurídica consiste en:

  • O asesoramiento en dereito, mediante a consulta, consello e asesoramento xurídico, a realización de notas, informes e ditames razoados en dereito, tanto preceptivos como facultativos, a participación na elaboración das disposicións de carácter xeral, a asistencia a órganos colexiados e a verificación da suficiencia de poderes,
  • A representación e defensa en xuízo en todo tipo de procesos xudiciais, así como ante órganos administrativos e en procedementos arbítrales.

A asistencia xurídica prestarase á Administración xeral da Comunidade Autónoma, aos seus organismos autónomos, así como aos órganos estatutarios, sempre que, neste último caso, as súas disposicións reguladoras non dispoñan o contrario.

Mediante a formalización do oportuno acordo de natureza xurídico-pública entre a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e o órgano competente da entidade asistida prestarase asistencia xurídica, nos termos que se establezan regulamentariamente, ás entidades pertencentes ao sector público autonómico distintas dos organismos autónomos.

Os/as letrados/as da Xunta de Galicia asumirán, nos termos previstos na lei, a asistencia, representación e defensa dos/das funcionarios/as, autoridades ou persoal ao servizo da Administración e entidades asistidas , cando estes poidan ser parte en procedementos ante calquera orde xurisdicional, calquera que sexa a súa posición procesual e sempre que o devandito procedemento se suscite en virtude de actos ou omisións no exercicio lexítimo da súa función ou cando cumpran orde da autoridade competente.