De conformidade co artigo 37 da Lei, o ingreso na escala de letrados da Xunta de Galicia efectuarase de acordo coa oferta de emprego público, mediante convocatoria pública e a través do sistema de oposición entre persoas coa licenciatura ou grao en Dereito. As probas selectivas de ingreso deberán basearse nun temario que exixirá coñecemento de todas as ramas do dereito, con especial énfase nas materias de dereito civil, dereito procesual, dereito constitucional e autonómico e dereito administrativo, combinarán de forma equilibrada os exercicios teóricos e prácticos, e deberán ser avaliadas de acordo cos principios de igualdade, obxectividade, mérito e capacidade.

O proceso selectivo constará de cinco exercicios obrigatorios e con eficacia eliminatoria:

  • Dous orais de carácter teórico.Cada unha delas consiste en expoñer oralmente sete temas de cada unha das partes do temario, dereito privado e dereito público, nun tempo de 70 minutos, sen que ningún tema poida durar menos de 5. Para preparar a exposición oral dos temas concederase ao/á opositor/a un tempo de dez (10) minutos.
  • Dúas probas escritas de tipo práctico.A primeira consistirá en realizar algunha actuación escrita sobre un asunto xudicial en que sexa parte a Administración autonómica e a segunda consistirá en emitir informe por escrito sobre algún asunto xurídico en que estea interesada a Administración autonómica. Ambos deben ser realizados nun tempo máximo de 5 horas.
  • Unha proba para acreditar a competencia en lingua galega.Están exentos desta proba os que acrediten estar en posesión do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia
  • Ademais,os aspirantes, con carácter voluntario e non eliminatorio, poderán presentarse a un exercicio de lectura e tradución de linguas estranxeiras..

Tal e como prescribe o Decreto 343/2003, do 11 de xullo, a composición do tribunal das oposicións de letrados da Xunta de Galicia será a seguinte.

  • Un funcionario ou funcionaria pertencente á escala de letrados da Xunta de Galicia, designado a proposta do director/a xeneral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, que asumirá a presidencia.
  • Un letrado/a da Xunta de Galicia, designado a proposta do/a director/a xeneral da Asesoría Xurídica, que desempeñará, ademais as funcións de secretario/a.
  • Un maxistrado/a designado a proposta do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
  • Un catedrático/a ou profesor/a titular das facultades de dereito das universidades do sistema universitario de Galicia, con competencia nunha ou máis disciplinas relacionadas co contido do programa, designado a proposta da Escola Galega de Administración Pública.
  • Un licenciado/a en dereito.

O actual temario é o aprobado pola Orde do 12 de abril de 2016 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de letrados.