O artigo 16 da Lei 15/1991, do 28 de decembro, procedeu á creación, dentro do corpo superior da Administración, da escala de letrados da Xunta de Galicia, coa finalidade de desenvolver as funcións de asesoramento en dereito e de representación e defensa da Administración da Comunidade Autónoma e da súa Administración institucional.

As peculiaridades das tarefas propias da escala, a súa complexidade e a necesidade de salvagardar unha posición de independencia na Administración, son factores que aconsellaron, no seu día, o nacemento dunha asociación como instrumento indispensable para a consolidación da escala de letrados, así coma para canalizar de forma adecuada todas as opinións, inquietudes e reivindicacións dos seus membros.

Así, o 18 de novembro de 1993 constituíuse a Asociación Profesional de Letrados da Xunta de Galicia.